15 de abril de 2013

Crónica do 10º aniversario da Galipedia en Santiago de Compostela

O pasado día 9 de marzo de 2013 celebramos o décimo aniversario da Galipedia cunha serie de conferencias nas que os relatores nos presentaron diferentes temas. O día foi de doble celebración xa que ademais dos dez anos celebramos que o proxecto superara os 100.000 artigos tan só 3 días antes.

O programa era moi completo e metémonos de cheo nel coa intervención de Jose Manuel Abuín, técnico do CESGA, que estivo a contarnos as interioridades do proxecto WikiSkills, un proxecto europeo que tenta buscar xeitos de utilizar as wikis como ferramenta para a educación. Comentounos algúns detalles dos obradoiros que fixeron para introducir os wikis no eido da educación e algúns dos resultados iniciais que obtiveron.

Continou as charlas o noso Agremon, si, o noso primeiro bibliotecario, que nos contou algunhas ideas propias sobre o proxecto, algúns detalles curiosos sobre a historia da Galipedia e o seu nome, e todo isto coma se estivesemos tomando un café entre colegas.

Despois da súa intervención falounos Manuel Gago, o director de culturagalega.org e creador do blog Capítulo 0. Comentou as interaccións entre os persoeiros da cultura galega dos últimos séculos e a súa concentración en pequenas vilas, en oposición á concentración en grandes urbes que se deu noutras comunidades, pero sempre coa necesidade dun contacto e masa crítica, que relacionou co que pode significar internet para a cultura galega. Falou das súas experiencias dentro do estudo da arqueoloxía galega e a súa relación con Internet, e comentounos a falta de información en certas áreas xeográficas, sobre todo nas áreas do interior de Lugo e Ourense, en contraposición coas do arco Atlántico. O mesmiño que nos pasa na Galipedia, vamos.

Despois dun pequeno descanso tocoulle a vez a Javier de la Cueva, avogado experto en propiedade intelectual. Javier falounos da orixe da avogacía xa no Fedro de Platón, do procomún e da ausencia na Agenda Digital para España de ningún apartado sobre software libre, entre outras cousas.

Ó final por causas de forza maior non puidemos realizar a mesa redonda de empresas con licenza libre, pero iso permiteunos concentrarnos con máis calma nas outras charlas que se fixeron.

Estas charlas foron grabadas co permiso de tódolos participantes e en breve estarán dispoñibles en Wikimedia Commons.

Crónica escrita por Elisardojm

No hay comentarios:

Publicar un comentario